O BNG demanda seguridade viaria no acceso á Barriada de Mogor e nos centros de ensino da parroquia
Por Redacción
O grupo municipal do BNG demanda máis seguridade viaria nos cruces que dan acceso á Barriada Pérez Crespo e a Chan do Monte, onde se sitúan os centros educativos do IES do mesmo nome e do Colexio San Narciso, e no acceso ás Sete Espadas desde a Avenida Aviador Calviño.
En concreto na moción asinada polo concelleiro Alfonso Fernández, o BNG solicita a sinalización de pasos de peóns nestes cruces de xeito que dean continuidade ás beirarrúas xa existentes en Aviador Calviño para que os péons poidan cruzar con seguridade.
Así mesmo, o BNG solicita o pintado de sendas peonis nas pistas de acceso aos citados lugares, dado que neste momento non hai posibilidade de camiñar con un mínimo de seguridade pola falta de espacio para dotar os accesos de beirarrúas.
"O axeitado sería poder transitar por unha senda peonil que vaia dende o cruce do Chan do Monte ate a altura do instituto, dado que son moitoos os alumnos que diariamente utilizan esta estrada para o acceso ao mesmo, así como veciños para acceder as súas vivendas", sinala Alfonso Fernández.
DEMANDAS PENDENTES
O BNG lembra que o goberno local aínda ten pendente de cumprir o acordo adoptado por unanimidade da corporación en novembro de 2015, a raíz da moción presentada polo BNG na cal se demandaba a instalación de pasos sobre-elevados nos puntos de entrada e saída ao núcleo, así como á altura da alameda, como reguladores da velocidade, dando curso a unha demanda veciñal.
Neste sentido Alfonso Fernández lembra que "os acordos están para cumprirse, máxime cando se trata da seguridade das persoas e as medidas non supoñen un gasto orzamentario de calibre, como é este caso".