Semana festiva, asollada e cunha calor pouco frecuente en decembro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A ponte festiva da Constitución e a Inmaculada comezou pasada por auga o sábado, pero a choiva xa non volveu facer acto de presenza e nas previsións non hai rastro dela durante os vindeiros días. Os días festivos agárdanse asollados e, sobre todo, con temperaturas máis altas do habitual nesta época do ano, que poderán chegar ata os 20 graos de máxima nas Rías Baixas.
As previsións de Meteogalicia para Pontevedra recollen ceos pouco anubrados ou despexados en xeral durante os vindeiros días, aínda que ocasionalmente tornarán con nubes e claros.
En canto ás temperaturas, serán altas para as mínimas e moi altas para as máximas respecto ó habitual nesta época do ano, con valores que globalmente se atoparán sen cambios. Agárdanse 20 graos para este luns 5 de decembro e 19 para martes e mércores, pero a tendencia manterase previsiblemente sen cambios durante o resto da semana.
De cara á fin de semana, Galicia quedará na influencia das altas presións, coas borrascas desprazándose polo Atlántico. A probabilidade de precipitación será baixa en xeral, aínda que o sábado una fronte fría aumentará a probabilidade de chuvias principalmente no sector atlántico. A comunidade quedará nun réxime de ventos de compoñente sur que seguirá deixando temperaturas altas para a época do ano, especialmente as máximas, pero que baixarán xa ata os 14 ou 15 graos durante a fin de semana.
En canto ó estado da calidade do aire, manterase bo en termos xerais.