Un home de 66 anos morre atropelado por un autobús escolar en Santa Cristina de Cobres
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un home de 66 anos faleceu este xoves vítima dun atropelo moi preto da súa casa, na parroquia de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa. Arroiouno un autobús de transporte escolar que nese momento non levaba nenos no seu interior.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 tivo constancia do accidente ás 13.41 horas deste xoves. Segundo os datos facilitados pola Garda Civil, o home cruzaba a estrada N-554 no lugar de Riomaior, en Santa Cristina de Cobres, cando foi arroiado polo autobús.
O accidente produciuse á altura do bar O Toxo. O vehículo realizaba un xiro para tomar a vía secundaria que accede ao colexio no que debería recoller aos escolares cando se atopou co peón no medio da calzada e non puido facer nada para esquivalo.
Aínda hai que esclarecer as causas do atropelo, pero todo apunta a que o peón cruzaba a estrada de forma antirreglamentaria. O falecido era veciño de Santa Cristina e responde as iniciais F.L.S..
Despois do accidente, foi necesario que a Garda Civil de Tráfico regulara a circulación de vehículos pola zona e tamén abriu unha investigación para aclarar o sucedido. Tamén se desprazaron ao lugar efectivos de Urxencias Médicas,os Bombeiros do Morrazo e Protección Civil e a Policía Local de Vilaboa.