Pontevedra sálvase, por agora, do peche masivo de oficinas de Novagalicia Banco
Por Redacción
A sucursal de Monte Porreiro é a única que vai pechar Novagalicia Banco no Concello de Pontevedra. ÿ unha das doce que clausurará na provincia de Pontevedra. Forma parte do plan de restructuración que prepara a entidade. Pechará este ano un total de 131 oficinas, das que 49 están en Galicia. Pretende chegar ao final de 2017, cando terminará de aplicar este plan, cun total de 454 sucursais.
Nunha nota de prensa, o banco que preside José María Castellano indicou que inicia deste xeito o programa de adaptación da súa rede comercial ao plan de recapitalización aprobado polas autoridades españolas e europeas. O obxectivo, sostén, é "mellorar a eficiencia e a rendibilidade da entidade", que é "unha das condicións polas que recibiu unha axuda pública de 5.425 millóns de euros" en decembro de 2012.
Deste xeito, o plan pasa por pechar 131 sucursais este mesmo exercicio, das que 49 están situadas en Galicia e o resto noutras zonas de España ou do estranxeiro. Así, ao finalizar 2013, a entidade terá 662 sucursais, das cales 80 corresponden a EVO e 548 á franquicia Novagalicia Banco, xunto cunha oficina en Madrid, así como en Barcelona, Bilbao e Ginebra. Súmanse tamén as oficinas de representación internacional.
En concreto, o director xeral de Novagalicia, Juan Díaz Arnau, indicou que se pecharán este ano 18 oficinas na provincia de Ourense; 13 na da Coruña; 12 na de Pontevedra; e seis na de Lugo. Así, quedarán 528 oficinas ao comezo de 2014. Ademais da de Monte Porreiro, este axuste afectará a dúas oficinas en Poio, as situadas na Avenida de San Juan e en Raxó, e a outra na rúa Sagasta de Caldas de Reis.
En todo caso, Novagalicia xa pechou recientemente tres oficinas en Pontevedra, as situadas en Paseo de Colón, Pintor Laxeiro e Campolongo.
No comunicado, a entidade sinala que, en Galicia mantén unha cota de mercado do 40%, polo que "apoiará a adaptación da rede coa apertura de 190 oficinas polas tardes", un dos acordos logrados cos sindicatos dentro do ERE, que afecta a 1.850 traballadores, así como coa existencia de oficinas a tempo parcial nas zonas con menor poboación e dúas oficinas móbiles para "evitar a exclusión financeira no territorio con maior dispersión poboacional de España".