Vilagarcía terá un orzamento de 25,6 millóns de euros para 2017
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía terá o ano 2017 un orzamento de 25.566.673,45 euros, segundo o anteproxecto que entregou este venres o goberno aos demais grupos da corporación.
Respecto do 2016, o presuposto redúcese aproximadamente nun 2,5% entre outras cousas porque se reduciu tamén a presión fiscal e os ingresos procedentes do Estado, nunha cifra de preto de 300.000 euros.
Por parte do grupo de goberno asistiron Tania García e Luz Abalo e polos restantes grupos políticos: Ana Granja (PP), Jesús López (EU), Lucía Veloso (BNG) e Gaspar González (SM). Case todos presentaron propostas de gasto ou investimento, en especial os que se refiren a promoción do emprego e defensa dos sectores produtivos; investimentos no rural, posto que os fondos Feder se destinarán especificamente aos cascos urbanos de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán; servizos sociais e cultura.
Precisamente estes dous factores, a definición dos criterios dos Fondos Feder, e o encaixe das distintas propostas aceptadas no proceso de negociación cos grupos políticos, xunto coas conversas cos representantes dos traballadores é o que xustifica que, polo de agora, o orzamento do 2017 sexa un anteproxecto e non un documento pechado. Os grupos volverán a reunirse nos vindeiros días, en todo caso unha vez que estean definidos os criterios dos Fondos Feder.
Dentro do capítulo de gastos, a partida máis importante segue sendo, como é habitual en todos os orzamentos da administración, a de persoal, que suma 10 millóns de euros. Respecto do presuposto de 2016, a débeda pública baixa un 18,36%, dos 2,4 millóns a 1,9.
Por programas, os principais gastos son os derivados da recollida (3,2 millóns) e tratamento (1,1) dos residuos sólidos urbanos. A seguridade e a orde pública precisan de 1,5 millóns de euros, practicamente o mesmo que a asistencia social primaria. Educación tamén supón unha serie de partidas moi importantes: desde os 954.000 euros da administración xeral de educación aos 555.000 do funcionamento dos centros de ensino de preescolar e primaria, pasando polos 434.000 do conservatorio ou os 364.000 da Escola de Música. A Fundación de Deportes recibirá pouco máis dun millón de euros. A administración xeral suporá un gasto de 1,8 millóns de euros e os órganos de goberno (incluído neste concepto salarios, asistencias e indemnizacións), 414.000 euros.
Tendo en conta as obrigas de gastos e ingresos, á marxe de investimentos reais é de apenas 574.000 euros.