Detida por furtar unha tarxeta de crédito na casa na que traballaba e gastar 50.000 euros
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Axentes da Policía Nacional identificaron e detiveron unha muller de 54 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta autora dun delito de furto continuado e outro de estafa usando de forma fraudulenta a tarxeta da vítima.
Segun informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra, a denuncia foi presentada o 1 de outubro deste ano cando un familiar da vítima comprobou a considerable diminución da conta corrente.
O denunciante afirmaba que a conta sufrira un gasto excesivo sen que o titular da mesma puidese dar explicacións satisfactorias desa diminución acusada sobre todo desde os meses de xaneiro ata agosto, período durante o cal se efectuaron múltiples retiradas de diñeiro en caixeiros co cartón do titular.
Por mor da denuncia os axentes iniciaron as investigacións para tratar de pescudar a identidade do autor da estafa, chegando á conclusión de que se trataba dunha persoa que traballaba na casa da vítima.
En cada ocasión a presunta autora retiraba 600 euros do caixeiro da entidade bancaria correspondente chegando a sumar varios miles de euros, ata 50.000.
O día 21 de novembro ás 11.00 horas a presunta autora destes feitos foi localizada e detida polos axentes policiais por un delito continuado de furto, e un delito de estafa, recoñecendo os feitos en dependencias policiais.