A abstención de Cidadáns permite a A Lama ceder a Casa do Conserxe á filla do alcalde
Por Redacción
A corporación municipal da Lama acordou, grazas á abstención do único edil de Cidadáns, que o Concello ceda a denominada como Casa do Conserxe á filla do alcalde, María Canda, para que poida abrir nela unha escola infantil para nenos de 0 a 3 anos, ao amparo do proxecto Casa Niño, promovido pola Xunta de Galicia.
Trátase dunha iniciativa do goberno galego á que só poden optar os municipios de menos de 5.000 habitantes e que carezan deste servizo.
Antes de que se tratase este asunto no pleno, o alcalde, Jorge Canda, e o tenente de alcalde, Emilio Canda, abandonaron os seus escanos para non participar no debate e na votación, por ter relación de parentesco coa solicitante. Así, os catro edís do PP votaron a favor e os catro do PSdeG-PSOE, en contra.
Foi decisiva a abstención do representante de Cidadáns, Andrés Cal, que permitiu que o empate a catro votos se decantase grazas ao voto de calidade do presidente do pleno.
Enrique Vaqueiro, portavoz socialista, argumentou a súa negativa para votar en que neste proceso, ao seu entender, houbo falta de transparencia e información privilexiada "que favoreceu á filla do alcalde" xa que ninguén se decatou de que para optar á Casa Niño se puidese contar con este inmoble.
A concelleira do PP, Geni Ramallo, indicou que neste proceso "actuamos con boa fe e sen ningún tipo de escurantismo" e que se obrou coa filla do alcalde igual que con calquera outra persoa ou colectivo "que pueda aportar algo bueno para A Lama y el tema de la guardería lo es, y mucho".
Neste caso, ante a falta de inmobles na Lama que respondesen as necesidades da Casa Neno, esta persoa, e outra máis, dirixíronse ao alcalde para ver se había dispoñibilidade, segundo o PP. Para iso díxoselle que si, que se pediría a desafección xa que non ten uso educativo, e poderíase utilizar para este fin.
Os concelleiros do PP recoñeceron que quizais habería que publicitalo máis, pero "no había tiempo porque se solicitó en el último día y fue una solución para no perder esa subvención y darle el servicio necesario a un grupo de familias de A Lama que requieren de esta Casa Niño para poder conciliar la vida laboral y familiar".
Pola súa banda, o concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal, argumentou a súa abstención en que non impedía que o proxecto fose adiante, pero tiña que respectar aos seus compañeiros de partido que lle indicaban que aínda que o tema é totalmente legal, debería facerse doutra maneira.
Ao termo do pleno, Jorge Canda explicou que "sorprendeume moito este tema", porque asegurou que a a oposición "sabía como estaba todo esto e incluso manifestaran a súa disposición a apoiar esta iniciativa, pese a que estaba a miña filla no proxecto".
"O que ocurre é que agora, a última hora buscan un rendemento político aínda que sexa a costa de que A Lama perda un servizo tan demandado como o da gardería e que nós, ao ser un concello moi modesto, non temos outra posibilidade que a través da Xunta para poder ofrecelo", engadiu o alcalde. "Se non fora a miña filla non habería ningún problema".