Arranxan a conexión entre os lugares de Buchabade e San Vicente
Por Redacción
Os operarios municipais de Ponte Caldelas están a rematar estes días as obras de acondicionamento, con firme de formigón, nos camiños públicos de acceso a varias vivendas do municipio. Con este tipo de actuacións vanse solucionando as carencias detectadas polo actual equipo de goberno despois das asembleas veciñais mantidas cos veciños dos 33 núcleos de poboación de Ponte Caldelas.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou os resultados da mellora dos accesos a catro vivendas situadas en Chaín, A Insua, Parada e Vilarchán. Con elo déixase resolta unha petición veciñal insistente.
O equipo de goberno, integrado polas forzas do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, constatou máis dunha ducia de vivendas nesta situación ao comezo do mandato municipal e comprometeuse a ilas solucionando con accesos de formigón. Nalgúns casos detectouse que a pista principal xa foi reasfaltada e deixáronse sen acondicionar ramais públicos, prexudicando aos veciños.
"Parécenos triste ter que estar solucionando este tipo de cousas en pleno século XXI, pero neste ano e medio que levamos de goberno xa tivemos que asumir un bo feixe de reparacións en recollidas de augas pluviais que asolagaban vivendas por culpa de actuacións mal executadas, tivemos que levar o saneamento a vivendas que quedaron illadas e outras chapuzas parecidas", explica Díaz.
Neste paquete de obras que rematan estes días os operarios municipais, inclúese tamén o camiño que comunica Buchabade con San Vicente, onde están situadas varias vivendas. Nesta estrada limpáronse e acondicionáronse as marxes e nos próximos días aplicarase rego asfáltico ás fochancas que converten o tramo nun penoso traxecto. Trátase dunha vía moi transitada, porque permite a conexión con Pazos.