A Fundación A.M.A. convoca 106 bolsas de posgrao en Sanidade, valoradas en 233.000 euros
Por Redacción
O padroado da Fundación A.M.A. abriu o prazo da súa undécima campaña nacional de bolsas para 50 médicos, 20 enfermeiros, 15 farmacéuticos e 10 psicólogos. As axudas concédense por sorteo puro entre todos os inscritos e abónanse para pagar os cursos de preparación ás respectivas especialidades de internos residentes.
Ademais, a Fundación tamén abriu o prazo da súa quinta convocatoria de 11 bolsas veterinarias, concedidas tamén por sorteo puro para sufragar cursos de posgrao realizados por licenciados e graduados en Veterinaria. En total, a Fundación destinará un máximo de 233.000 euros á dotación das bolsas.
O prazo de inscrición para ambas as convocatorias comeza hoxe e conclúe o 13 de febreiro de 2017. O sorteo para designar aos 106 gañadores finais efectuarase ante notario o 15 de febreiro, e farase público o 17 do mesmo mes. A participación no sorteo é totalmente gratuíta; basta con encher un formulario na páxina web da mutua, www.amaseguros.com, sen ningún requisito adicional.
Cada bolsa abonarase previa comprobación da titulación requirida e da presentación de facturas do centro docente. Deberá indicarse o concepto de matrícula ou cotas establecidas para o pago dos respectivos cursos de internos residentes, ou de posgrao, oposición, doutoramento ou máster para as de Veterinaria.
Na convocatoria para residentes entréganse 50 bolsas para médicos de ata 3.000 euros cada unha para gastos de docencia; 15 bolsas de ata 2.000 euros para farmacéuticos; 20 bolsas máis de ata 1.600 euros para enfermeiros, e outras 10 bolsas de ata mil euros cada unha para psicólogos. Nas dez tempadas convocadas ata agora, optaron a estas categorías de bolsas máis de 23.000 aspirantes.
Así mesmo, a Fundación convocou a quinta edición das súas bolsas veterinarias, que comprenden once axudas de formación de posgrao, por un máximo de mil euros cada unha, destinadas a cubrir gastos de docencia para calquera estudo de posgrao, máster, doutoramento ou preparación de oposicións en Veterinaria realizado entre os cursos de 2012 e 2017.
Segundo as bases, o único requisito esixible aos licenciados en Veterinaria é selo nalgunha das Facultades de Veterinaria de España, tanto privadas como públicas.