Campañó estrea composteiro comunitario; os seguintes, no campus e Campolongo
Por Redacción & Mónica Patxot
O lugar de Cabaleiro (Campañó) foi o lugar elixido polo goberno municipal, en consenso cos veciños da parroquia, para situar o primeiro composteiro comunitario co que contará o rural pontevedrés. Está pensado para atender os grandes produtores desta zona, onde se sitúan varios restaurantes e tamén un hotel, ademais dun viveiro e o propio cemiterio.
Concretamente, está situado ao carón do parque infantil e da pista polideportiva de Cabaleiro. Así o comprobou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que acudiu ao lugar xunto coas concelleiras Carme da Silva e Pilar Comesaña e co técnico provincial Carlos Pérez, xa que este composteiro comunitario pónse en marcha ao amparo do Plan Revitaliza de Deputación.
Os veciños tamén participaron na explicación do seu funcionamento e adiantóuselles que o mestre composteiro que se encargará do tratamento deste compost estará cada día, de luns a venres a partir das 16.00 horas, no composteiro para informar e resolver as dúbidas que poidan ter.
Ao igual que na primeira fase en Monte Porreiro, a Deputación instalou unha illa de composteiros (seis módulos) para realizar os distintos tratamentos do compost, ademais dun habitáculo de madeira para gardar o estruturante. Agora, no barrio xa hai tres illas na praza de Europa, e as rúas Italia e Alemaña. O seguinte, que xa foi encargado, estará na rúa Grecia.
TAMÉN HABERÁ UN NO CAMPUS
Logo da visita a Campañó, a concelleira Carme da Silva trasladouse ao campus universitario onde mantivo unha reunión co vicerreitor, José Manuel Corbacho, á que tamén se sumou o técnico de residuos da Deputación, Carlos Pérez, para buscar a mellor situación para o composteiro comunitario que tamén se instalará no campus.
Xunto con técnicos universitarios expertos na xestión do medio e responsables das concesionarias de comedor do campus, acordaron a instalación dun composteiro de 10 módulos -en principio- nunha zona verde entre as facultades de Ciencias Sociais e de Fisioterapia.
Nos vindeiros días, haberá contactos entre os técnicos municipais e os da Universidade para facer as medicións pertinentes para a instalación da base. Está previsto que a Universidade faga a achega necesaria do estruturante procedente das podas das árbores do campus, e que empregue o compost para os xardíns universitarios.
O composteiro comunitario universitario encaixa perfectamente no proxecto de excelencia de campus verde que ten en marcha a Universidade de Vigo en Pontevedra, tal e como se encargou de recordar o vicerreitor Juan Manuel Corbacho.
Ademais, a Escola de Forestais está a realizar distintos estudos sobre o compost e será o departamento de Edafoloxía da mesma escola o encargada de facer os estudos sobre o emprego do compost para a recuperación de solos, ratificado na sinatura do convenio entre o Concello, a Deputación e a Universidade de Vigo.
Os encontros que está a manter o Concello para a posta en marcha dos composteiros comunitarios continúa este xoves 17 de novembro. Carme da Silva manterá un encontro cos representantes da asociación de veciños de Campolongo para buscar o lugar máis idóneo para a instalación do primeiro composteiro comunitario na zona urbana da cidade: no barrio de Campolongo.