Unha cadea humana na Peregrina polas enfermidades neuromusculares
Por Redacción
Pontevedra puxo o broche de ouro ás actividades que se celebraron na cidade con motivo do Día das enfermidades neuromusculares. Fíxoo cunha cadea humana na praza da Peregrina, na que participaron unha vintena de persoas.
Trátase dunha das iniciativas coas que a Asociación Galega Contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM) buscaba sensibilizar á cidadanía sobre estas patoloxías.
Ademais de conferencias e talleres prácticos, que contaron con testemuños en primeira persoa de afectados e familiares, ASEM tamén informou os pontevedreses a través de varias mesas informativas.
Pero foi, sen dúbida, a gala benéfica celebrada o domingo no Teatro Principal o eixo central desta programación. Nela actuaron de forma desinteresada o grupo de danza Déborah, o mago Javier Muro, o grupo de teatro Artellar, o coro Vía Sete, o cantante e actor Martín Máez e o humorista Pablo Chichas.
Todo o recadado coa venda de entradas irá destinado a manter e desenvolver os proxectos da asociación.