Falece un motorista de 28 anos en Cambados tras impactar cun turismo
Por Redacción
Un motorista perdía a vida despois de chocar co seu vehículo contra un turismo, segundo informa o servizo de Emerxencias do 112. O accidente sucedía minutos antes das seis da mañá deste domingo 13 na vía de alta capacidade en dirección a Vilagarcía, poucos metros despois da rotonda de Vilariño.
Varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia para informar da colisión entre un ciclomotor e un turismo. Insistían en que o motorista se atopaba en estado grave. Desde o Centro de Atención ás Emerxencias avisouse aos servizos sanitarios de urxencia.
Aínda que o motorista atopábase liberado tras o impacto, desde o 112 tamén se puxo en coñecemento dos Bombeiros do Salnés e dos efectivos do servizo local de Protección Civil a gravidade do accidente.
O equipo de bombeiros de Ribadumia pediu reforzos á sede de Vilagarcía debido á delicada situación na que atoparon á vítima, que sufriu a amputación dun membro. Con todo, os efectivos que se desprazaron ata a zona non puideron facer nada por salvar a vida do home, que falecía no lugar do suceso.
O falecido responde as iniciais I.R.A., de 28 anos, residente en Ribadumia, segundo información facilitada por servizos de emerxencia. Os primeiros en chegar ao lugar foron os servizos de ambulancia do 061 con persoal médico do Punto de Atención Continuada de Cambados, que certificaba a morte do mozo.
O condutor do turismo resultou ileso, aínda que se atopaba nun estado de nerviosismo. A vía tivo que permanecer cortada case tres horas como consecuencia do accidente. Ata o lugar tamén se trasladaron efectivos da Garda Civil de Tráfico, da Garda Civil do posto de Cambados e da Policía Local do municipio.