Entregan vales de 100 euros para compra de alimentos a 40 familias de Ponte Caldelas
Por Redacción
A Xunta de Goberno local de Ponte Caldelas vén de aprobar a entrega de 40 vales de compra de alimentos por valor de 100 euros cada un a familias en situación de risco de exclusión social, outra medida máis de apoio ás persoas máis castigadas pola crise socioeconómica.
O acordo responde á estratexia adoptada ao comezo deste mandato polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, e que significou o incremento da partida municipal de emerxencia dos 15.000 euros anteriores aos 20.000 euros actuais, co obxecto de cubrir a demanda e potenciar a cohesión social.
Os vales, que supoñen un gasto público total de 4.000 euros, serán entregados nos próximos días.
Segundo o acordo adoptado polo Concello, ademais da adquisición de alimentos admítese a compra de produtos de limpeza e hixiene persoal. Os beneficiarios son seleccionados polos servizos sociais municipais e, aínda que o número de vales é o mesmo que o ano pasado, a relación nominal experimenta algúns lixeiros cambios froito da mellora na situación dalgunhas familias, que, sen embargo, son substituídas por outras que quedaron sen recursos.
Por outra banda, a Xunta de Goberno local concedeu unha axuda individual de emerxencia social por importe de 2.000 euros para as obras de reparación do tellado dunha familia. A cuberta está moi deteriorada e está a entrar auga na vivenda. Trátase dunha das axudas máis significativas deste plan, pois o habitual é que se concedan para cuestións máis relacionadas co pago de facturas de subministros, de hipotecas ou alugueres, aínda que tamén hai moitos casos de próteses dentais, gafas ou enterros. Outra das liñas de integración social que se atende con esta dotación é a asistencia dos fillos destas familias a campamentos xuvenís.
Os expedientes son tramitados con escrupuloso respecto aos datos persoais dos solicitantes e, segundo os datos que obran nos Servizos Sociais, o perfil do solicitante correspóndese con persoas pensionistas con escasos ingresos ou familias con varios fillos e todos os membros da unidade familiar en paro.
Á marxe do Plan de Emerxencia Social aténdense tamén especificamente as peticións de axuda para gastos farmacéuticos e o Concello ten en marcha unha campaña estable de reparto de xoguetes para o día de Reis, da que se benefician 16 familias en risco de exclusión.