Ceos sen nubes, sol e máis de 20 graos. Si, empeza novembro
Por Redacción
Remata o mes de outubro, empeza novembro e o tempo segue sen cambios significativos ou, o que é o mesmo, en pleno outono continúan os ceos sen nubes, o sol e as temperaturas que en Pontevedra serán ata final de semana superiores aos 20 grados.
Segundo as previsións elaboradas polo equipo de Predición Operativa de MeteoGalicia, en Pontevedra agárdase para os vindeiros días unha alternancia de períodos de ceos con nubes e claros con outros pouco anubrados ou despexados. As temperaturas serán normais para as mínimas e altas para as máximas respecto ao habitual nesta época do ano.
As mínimas manteranse sobre os 10 e os 12 grados, pero as máximas chegarán ata o 24 este luns ou os 22 este mércores. A situación continuará durante toda a semana, aínda que as temperaturas máximas irán en descenso lixeiro.
Nas xornadas de xoves e venres a comunidade atoparase aínda con moita probabilidade nunha área atmosférica estable, coas altas presións ao norte da península Ibérica, de xeito que se prolongará o período de tempo seco e moi soleado polas tardes. As temperaturas non serán tan elevadas como en días anteriores, pero aínda marcarán valores suaves para a época do ano.
O tempo cambiará xa a máis longo prazo. De cara á fin de semana unha borrasca situada sobre as Illas Británicas achegará aire frío e inestabilidade, polo que as temperaturas descenderán bruscamente e rexistraranse chuvias.