Restauran a presa de Parada, unha vella demanda veciñal
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas acaba de restaurar a condución de augas de rego de Parada, coñecida polos veciños como 'a presa', despois de meses dun intenso traballo manual por parte dunha brigada municipal.
A condución de auga de rego ten uns cinco quilómetros de lonxitude e entre 30 e 40 centímetros de ancho que vai dende o río Verdugo, na zona do Balneario, ata o núcleo de Parada e levaba décadas sen funcionar e en estado de abandono, de modo que foi necesario realizar obras de restauración.
A canle que trae a auga polas ladeiras do monte estaba completamente atorada de troncos, pedras, terra, herba e moitas raíces. O difícil acceso obrigou a un labor manual e mesmo fixo preciso adaptar unha carreta para transportar o material e a ferramenta.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, esta actuación é resultado dunha das asembleas que o grupo de goberno mantivo cos todos os veciños dos 33 núcleos de poboación de Ponte Caldelas. No lugar de Parada foi unánime a reclamación para a recuperación desta infraestrutura histórica.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou as obras acompañado dos tenentes de alcalde Quique Vidal e Lito Muíños e do concelleiro José Manuel Martínez. Destacou a antigüidade desta infraestrutura e a fermosura dalgúns dos seus tramos.
Esta condución foi construída hai case un século polos veciños de Parada para abastecerse de auga e regar as leiras e cedida verbalmente ao Concello hai máis de dúas décadas, pero dende entón non se fixeron labores de mantemento polo que levaba moito tempo fóra de servizo. Ademais da súa utilidade para as labores agrícolas, tamén está acreditada a súa necesidade para alimentar os pozos dos que se serven moitos veciños da zona, especialmente nos períodos de seca.