O goberno provincial prepara unha ordenanza xeral para as súas subvencións
Por Redacción
O novo goberno da Deputación de Pontevedra aprobará no vindeiro pleno unha ordenanza xeral para todas as subvencións que se impulsen desde o organismo provincial.
O deputado Carlos López Font adiantou que "por primeira vez" a institución contará cunha ordenanza xeral para as subvencións, "o que manifesta a aposta do novo equipo de goberno pola transparencia, obxectividade e criterios claros e ben definidos fronte á libre disposición e subvencións nominativas, discrecionais, subxectivas, clientelares, a dedo e discriminatorias do goberno de Louzán".
A ordenanza xeral será o marco público de xestión das subvencións da Deputación de Pontevedra e nela regulamentaranse as convocatorias e as obrigas detalladas de cada parte, beneficiando, desta maneira, tanto aos receptores como aos xestores.
"A partir de agora", todos os solicitantes terán a información de antemán con "claridade, reforzaranse as garantías xurídicas de concesión e recepción", salientou López Font, xa que se regularán todos os aspectos da relación xurídica subvencional, completarase o marco lexislativo de aplicación para evitar interpretacións subxectivas, garantiranse os prazos de pago ós acredores dos beneficiarios e as deducións de parte das subvencións por incumprimento de obrigas, esixiranse formas de contratación máis transparentes e avanzarase en aspectos como as subvencións en especie.
A Deputación de Pontevedra xestiona anualmente máis de 117 millóns de euros destinados a subvencións e actividades de fomento. Dada a contía e o volume de subvencións López Font considera que era "necesario" contar cunha ordenanza xeral de subvencións como a que se aprobará este venres, que "manifesta o compromiso do novo goberno da institución coa transparencia, eficacia e eficiencia da xestión dos recursos públicos da Deputación".