O Concello de Bueu abre o prazo para a licitación das obras do mercado tradicional
Por Redacción
O Concello de Bueu quere cambiar a actual imaxe do mercado tradicional, no que se venden produtos das hortas. A idea é ordenar ese espazo coa eliminación de parasoles, postos pouco estéticos ou utilización de caixas. Por este motivo sacou a licitación a reforma deste espazo coa inclusión dunha cuberta inclinada, mediante paneis tipo "sandwich", que permita dar acubillo os días de mal tempo.
O proxecto compleméntase cun soporte de bancadas, que serán realizados en pedra tipo granito silvestre e cunha base de listóns de madeira tropical, que servirán tamén de bancos cando non se celebre o mercado. O asento e o respaldo terán unhas dimensións de 45x45 milímetros.
As empresas interesadas nas obras de renovación do mercado tradicional xa poden presentar as súas ofertas. Toda a información sobre o proxecto e os inforems atópase na plataforma de contratación do estado, á que se pode acceder desde a web municipal. A proposta saíu publicada o pasado venres e os interesados contan con oito días naturais para presentar as ofertas.
As obras ten un orzamento de 38.951 euros e contan cunha axuda de ao redor do 70% da consellería de Economía, Emprego e Industria.
Estes traballos inclúense como complemento ao proxecto, xa executado en 2014,de mellora da Praza de Abastos, coa dotación de máis equipamentos nas salas e a creación dunha cociña para realizar sesións de showcooking.