As bibliotecas celebran o seu día con novos libros
Por Redacción
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, visitou este luns a Biblioteca Municipal de Sanxenxo para facer unha entrega simbólica de libros e coñecer de preto a súa realidade diaria. Ademais da propia Biblioteca da Deputación, o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico tamén achega fondos ás bibliotecas e axencias de lectura de toda a provincia.
O deputado, acompañado pola responsable do Servizo de Patrimonio Documental, Ana Vicente, fixo unha visita xunto coa concelleira de Cultura, Sandra Fernández.
Estes fondos serán enviados ás 117 bibliotecas e axencias de lectura existentes neste momento en toda a provincia de Pontevedra e conteñen un lote de dez libros de temática diversa, como estudos sobre lingua, tradución poética, narrativa, unidades didácticas e literatura infantil.
A Biblioteca da Deputación centra os seus esforzos especialmente na recompilación, proceso técnico e difusión de toda aquela bibliografía relacionada coa provincia de Pontevedra, en xeral, e con cada un dos seus concellos, en particular. A bibliografía provincial representa o 50% dun fondo, “Galicia”, que na actualidade conta con preto de 20.000 monografías e que se completa coas coleccións das principais publicacións periódicas que estudan diferentes aspectos do país.
A maiores, nos seus fondos figuran aproximadamente 30.000 volumes de monografías relativas a temarios para oposicións, fondos antigos e obras de referencia, máis de 500 títulos de publicacións periódicas, e máis de 90.000 rexistros analíticos. Tamén hai que destacar os aproximadamente 800 traballos de investigación, os máis de 60.000 rexistros dispoñibles na sección de audiovisuais, e os preto de 25.000 documentos cartográficos da cartoteca.