Asociacións, empresarios e políticos pontevedreses coñecen o primeiro Plan de Igualdade transversal a toda a Xunta
Por Redacción
Representantes dos concellos, de asociacións de mulleres e do empresariado da provincia de Pontevedra coñeceron hoxe luns o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes da Xunta de Galicia. Da man da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, soubero quen é o primeiro transversal de "todo o Goberno galego".
No caso concreto de Pontevedra, a directora xeral de Igualdade destacou que se trata dunha das provincias que conta cun maior número de Centros de Información á Muller, "26 en concreto, tendo en conta tanto concellos como mancomunidades que contan coa xestión compartida deste servizo". Neste senso, recordou que o Plan que hoxe se presenta vai facer especial fincapé tanto neste tipo de centros como no eido da muller rural.
O VI Plan de Igualdade ten programadas para o período 2013-2015 un total de 320 actuacións, cun orzamento de máis de 220 millóns de euros. Segundo explicou a titular de Igualdade o seu obxectivo é "consolidar os logros xa acadados e, sobre todo, continuar a traballar nos compromisos e retos que aínda quedan por conseguir".
Estruturase en seis eixos principais: acción integral para combater a violencia de xénero; mellora da gobernanza a favor da igualdade; cambio de valores e modelos para a igualdade; aproveitamento do talento feminino; conciliación corresponsable e calidade de vida; e participación activa das mulleres na sociedade
A acción integral para combater a violencia de xénero é o eixo que engloba un maior numero de actuacións, con case o 30% das actividades do plan (91). Trátanse de accións de prevención e asistencia integral e coordinada a favor das mulleres vítimas e das persoas ao seu cargo, así como a través do apoio á súa independencia e integración social.
Destaca o desenvolvemento do Observatorio Galego da Violencia de Xénero para estimular o estudo, avaliación e seguimento das políticas contra a violencia de xénero en Galicia; o impulso dunha Rede de Concellos contra a violencia de xénero que desenvolvan programas de prevención e abordaxe da violencia de xénero; e a promoción e apoio á posta en marcha dun recurso especializado na atención de menores vítimas de trata, fundamentalmente con fins de explotación sexual.
O Plan recolle a realización dun programa de formación avanzada para os profesionais da Administración autonómica cunha relación máis directa co desenvolvemento da perspectiva de xénero na acción e nos servizos públicos; e o reforzamento do papel dos centros de informacion ás mulleres como axentes como axentes dinamizadores da igualdade entre homes e mulleres no ámbito local.