Tres anos de prisión para un mozo que roubou medio quilo de cocaína en Marín e logo entregouno á Policía
Por Natalia Puga
O mozo José Francisco P.C. confesou este xoves na Audiencia Provincial de Pontevedra que en xullo de 2015 roubou medio quilo de cocaína dun galpón de Marín con intención de vendela e posteriormente decidiu entregala á Policía. Con este recoñecemento estaba a confesar ser autor dun delito de roubo con forza e outro contra a saúde pública polos que será condenado coa súa conformidade a tres anos de prisión.
José Francisco sentou no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia tras alcanzar un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que viu reducida a súa condena dos catro anos e medio que lle pedía inicialmente o fiscal aos tres polos que será condenado finalmente, dous por un delito contra a saúde pública e un por un roubo con forza. Ademais, deberá abonar unha multa de 24.000 euros en concepto de responsabilidade civil.
O mozo xa foi condenado entre os anos 2014 e 2015 en catro ocasiones por delitos de roubo con forza e na actualidade atópase en prisión. O fiscal tivo en conta, por tanto, a circunstancia agravante de multirreincidencia, pero tras chegar a un acordo co procesado optou por rebaixar a forza desa agravante e pasar de considerala como moi cualificada a tan só cualificada.
Ademais, o fiscal tivo en conta a circunstancia atenuante de confesión porque foi o propio acusado o que se entregou á Policía e tamén a de drogadicción, ao considerar que no momento dos feitos era consumidor habitual de drogas.
Segundo o escrito de acusación do fiscal co que se mostrou conforme o acusado, sobre as 23.00 horas do 3 de xullo entrou nun galpón-garaxe valéndose das chaves que abrían a porta de entrada e que collera a mañá dese día nun descoido da usuaria do inmoble. No interior atopou un paquete con 497,5 gramos de cocaína cunha riqueza do 73,52 % e levoullo co propósito de vender a sustancia a terceiras persoas.
A cocaína en cuestión alcanzaría no mercado ilegal un valor de 48.716,12 euros, pero finalmente non lla quedou. Dous días máis tarde, o 5 de xullo, acudiu á Comisaría de Policía, relatou os feitos, e acompañou aos axentes policiais ao lugar onde a gardaba e entregoulla.