Un traballador ferido ao precipitarse dende un falso teito da panadaría dun supermercado
Por Redacción
Un home resultou ferido tras sufrir un accidente laboral no supermercado Lidl da avenida de Lugo. Tivo que ser trasladado ao Hospital Domínguez, onde ingresou, en principio, cun prognóstico leve.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse ás 12.33 horas de hoxe luns 25 de febreiro. Ao lugar foron trasladados as policías Local e Nacional e Urxencias Médicas de Galicia 061.
Fontes da Policía Nacional indicaron que o traballador estaba a realizar obras de reforma no citado supermercado e precipitouse dende un falso teito. Foi trasladado por unha ambulancia do 061 ao Hospital Domínguez. O home estaba consciente, pero queixábase dunha forte dor nas costas.
Testemuñas presenciais indicaron que o home estaba a realizar obras no falso teito da zona de panadaría do supermercado cando se precipitou. Tras a caída estivo tombado no chan ao redor de 15 minutos, sen moverse ata a chegada dos efectivos sanitarios.