O PP critica que a Deputación chega tarde na implantación da administración electrónica nos concellos
Por Redacción
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, recorda que a adxudicación do contrato para implantar a administración electrónica nos concellos que a Deputación aprobou este venres chega tarde, porque este servizo debería estar prestándose xa aos cidadáns desde o pasado 2 de outubro, día no que entrou en vigor a nova lei de procedemento administrativo común.
Ademais, recorda que a propia deputación provincial continúa sen cumprir coa lei, tal e como xa denunciaron os populares hai unha semana.
"Que pasa na Deputación? Aquí están parados, non teñen notificación electrónica, nin sinatura electrónica, nin sequera son capaces de prestar asistencia telemática ao cidadán", denuncia o voceiro.
Engade, por exemplo, que calquera cidadán ten o dereito, recoñecido por lei, de que as comunicacións e notificacións que se lle practiquen sexan realizadas por medios electrónicos ou que cando presente unha solicitude presencialmente no rexistro de entrada provincial, sexa tramitada na súa totalidade por medios electrónicos, levándose xa no momento da presentación o orixinal da solicitude e podendo acceder ao expediente por estes medios en calquera momento. "Pero actualmente isto non é posible na Deputación de Pontevedra", engade o voceiro do PP.
Por todo isto, considera que "é evidente que o bipartito provincial non se esforzou para ofrecer á cidadanía todos os servizos e dereitos que esta nova lei ofrece", e critica que o grao de cumprimento a día de hoxe desta lei é só do 50%, cando debería ser do cento por cen.
Ángel Moldes recorda que a lei entrou en vigor un ano despois da súa publicación, precisamente para que as administracións tivesen tempo para adaptarse sen problemas, e en tempo e forma, a esta nova regulación, pero no caso da Deputación "non se traballou con seriedade para garantir o cumprimento da lei e, polo tanto, tampouco por ofrecer aos cidadáns os servizos e as melloras que ofrece".