Atenden unha persoa con problemas para respirar tras sufrir un accidente en Mogor
Por Redacción
Unha persoa resultou ferida nun accidente de tráfico entre dous turismos ocorrido hoxe en Marín.
Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro produciuse ás once da mañá na estrada PO-551, á altura da parroquia de Mogor.
A vítima, segundo trasladou o particular que dera aviso do accidente, atopábase no interior dun destes dous vehículos e presentaba dificultades para respirar, polo que foi atendida no lugar por persoal do 061.
O 112 Galicia mobilizou tamén ata o lugar do accidente a Protección Civil de Marín, a Garda Civil de Tráfico e os Bombeiros do Morrazo.