Unha borrasca irromperá na noite deste martes deixando chuvascos durante o festivo
Por Redacción
Este luns 10 de outubro, as Rías Baixas continuarán baixo a influencia anticiclónica procedente dos Países Nórdicos. As nubes serán de tipo alto e non impedirán o paso do sol, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia. As temperaturas tampouco sufrirán cambios significativos situándose entre os 11 e os 21 graos. Os ventos soprarán de compoñente leste no litoral.
Durante o martes, Galicia perderá esa influencia anticiclónica debido ao achegamento dunha borrasca polo noroeste. Espéranse ceos con intervalos de nubes altas e bancos de néboa matinais. Entrarán nubes baixas polo oeste e durante a noite, as nubes irán cubrindo o ceo nas Rías Baixas con choivas xeneralizadas. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. O vento soprará frouxo de compoñente sur, aumentando a moderado con intervalos fortes na costa atlántica durante a noite.
Xa na xornada do mércores, a borrasca situada moi preto do litoral deixará chuvascos xeralizados, con posibilidade de tormentas na provincia. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso situándose entre os 15 e os 22 graos. O vento soprará moderado de compoñente sur e ao final do día irá cambiando a compoñente norte.
A borrasca permanecerá durante o xoves e o venres con alta probabilidade de precipitacións. Cara a fin de semana a borrasca comezará a retirarse e o tempo tenderá a estabilizarse.