Limpan o lixo que outros veciños verten no río Freiría de Samieira
Por Redacción
Envases, bolsas de plástico, cristais, latas, botellas, sacos de grandes dimensións, regaderas, tapas de tartera e mesmo zapatos e un pantalón, é a relación do botín de lixo que durante dúas horas e media colleitaron os voluntarios do "Proxecto Ríos Samieira". Trátase da terceira ocasión en que leva a cabo a limpeza cidadá do río Freiría, promovida pola asociación ecoloxista ADEGA.
Os participantes neste traballo de recollida de lixo trasladáronse desde Fontemulleres ao longo da canle do río retirando os residuos, ao mesmo tempo que comprobaban a sucidade, focos de contaminación e movementos de terra que se detectan neste percorrido. Toda a información servirá para elaborar un informe anual no que tamén constarán os elementos patrimoniais como muíños, fontes ou lavadoiros atopados na zona.
Desde o colectivo promotor quérese realizar un estudo da vexetación e das ameazas de conservación do ecosistema do río que pasa por Samieira. A asociación ecoloxista non descarta levar a cabo novas intervencións nesta zona nos próximos meses.