A Festa do Marisco do Grove volve encherse de público na súa primeira fin de semana
Por Redacción
Outubro ten unha cita no Grove coa Festa do Marisco que se celebra desde 1963 con, cada ano, máis visitantes ás actividades relacionadas con este evento gastronómico-cultural.
Neste primeiro fin de semana, a presenza de público está a ser notable e este domingo desenvolveranse algunhas actividades xa tradicionais como a carreira popular, a regata de dornas "a remo" e a Cociña en Vivo con Rodaballo Insuiña.
A partir das 13.00 horas desenvolverase o certame de Street Art da Festa do Marisco, con pinturas 3D na zona próxima á Confraría de Pescadores.
Durante a tarde, a partir das 18.00 horas celebrarase unha sesión de baile tradicional galego con Paradanda-Mecos e O Trevo de Meis na praza do Corgo. Ás 20.30, a Coral da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove ofrecerá un recital na carpa da Festa.
E a actuación estrela deste domingo 9 será a de Leilía na zona de concertos do recinto da Festa a partir das 22.30 horas.