A veciñanza de Caritel quéixase do uso de herbicidas químicos preto das vivendas
Por Redacción
Os veciños da parroquia de Caritel transmitiron ao alcalde e a concelleiros de Ponte Caldelas a súa preocupación polo asperxido con herbicidas químicos das marxes da estrada autonómica PO-255. Segundo denuncian, un tractor dedicouse a esparcir durante esta semana produtos industriais causando preocupación entre os residentes nesa zona. Sinalan que se está pulverizando preto das vivendas próximas á estrada e temen polos posibles impactos na saúde e no medio ambiente.
O Concello de Ponte Caldelas aprobou unha moción no mes de xullo comprometéndose a non utilizar herbicidas químicos, baseados no glifosato, nos viarios de titularidade municipal. O alcalde Andrés Díaz explicou que as brigadas municipais só realizan rozas mecánicas. Desde o goberno local comprometéronse a remitir outra vez unha comunicación á Xunta de Galicia para que eviten estas actuacións.
Segundo alertan desde o goberno de Ponte Caldelas, o glifosato é un principio activo soluble en auga que se inflitra e pasa ás plantas e aos animais, producindo efectos nocivos. A Organización Mundial da Saúde incluíu este produto nunha lista, xunto a outros pesticidas, de sustancias cancerígenas.