Dous feridos nunha colisión múltiple entre dous turismos e unha furgoneta en Cambados
Por Redacción
Unha colisión múltiple entre dous turismos, un Seat Córdoba e un BMW, e unha furgoneta tiña lugar este mércores ás 13.40 horas en Cambados. O sinistro rexistrábase na avenida de Galicia, segundo a información de servizo de Emerxencias do 112.
O accidente saldouse con dúas persoas feridas, unha delas tivo que ser axudada para saír do vehículo. Os efectivos de emerxencia que se desprazaron ata a zona víronse obrigados a cortar unha das portas do turismo para poder evacuar á vítima. Foi trasladada nunha ambulancia ao Hospital do Salnés do mesmo xeito que o outro ferido por dúas ambulancias medicalizadas.
Desde o Centro de Atención de Emerxencias do 112 estableceuse comunicación con Urxencias Médicas e cos Bombeiros do Salnés, ademais de alertar a Protección Civil e á Policía Local.
Como consecuencia da colisión, un dos carrís da vía permaneceu cortado ata que se procedeu á retirada dos vehículos e á limpeza da calzada.