Rematada a limpeza de Santa María agora toca renovar a cuberta da casa parroquial
Por Redacción
O proxecto polo que nos últimos meses se acometeu a limpeza da fachada principal da basílica de Santa María tivo unha actuación complementaria coa limpeza do lateral norte, a fachada situada cara ao Campillo de Santa María. En total, os traballos foron valorados en 17.500 euros, que se financiaron ao 50 por cento con fondos propios da parroquia e do Concello de Pontevedra.
O párroco de Santa María, Javier Porro, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitaron este sábado os traballos, froito dun convenio entre o Concello e o Arcebispado de Santiago en función do cal a administración local aportou 8.802,75 euros. O resto dos gastos asumíunos a parroquia con fondos propios e outros resultado das doazóns dos fieis.
As aportacións dos fieis tamén serán necesarias para acometer outro proxecto que afecta á capela de San Roque, adscrita á parroquia de Santa María. Segundo explicou o párroco, trátase da sustitución das campás da capela, un proxecto valorado en 5.500 euros do que o 50 por cento o aporta a parroquia e o resto terá que ser resultado de aportacións de particulares.
Ambas as dúas actuacións son traballos moi importantes para a conservación do patrimonio desta parroquia pontevedresa e completaranse cun terceiro proxecto que xa está en marcha e que foi financiado con fondos da entidade relixiosa, a reparación da cuberta da Reitoral situada no laberal da basílica, na que nos últimos invernos se viviron situacións de humidades, filtracións e goteiras.
En relación coas tarefas de limpeza das fachadas principal e norte, optouse por unhas tarefas pouco invasivas para retirar herbas, prantas e musgos e mellorar o estado de conservación do edificio. Para facelo os operarios descolgáronse dende a cuberta pola fachada para ir limpando.