75.000 euros para renovar o firme da avenida Valle-Inclán, de Vilagarcía
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía de Arousa acometerá no mes de outubro a mellora da capa de rodadura do tramo municipal da Avenida Valle Inclán. A Xunta de Goberno local aprobou o proxecto no que se investirán 75.000 euros a financiar pola administración municipal.
Os traballos afectarán aos dous carrís de circulación de entrada ao centro urbano, posto que o outro lado da beirarrúa, o máis próximo ao mar, sitúase en terreos da Autoridade Portuaria. As tarefas de asfaltado destes dous carrís de competencia municipal comezarán á altura da rotonda do Cavadelo e rematarán na de Pablo Picasso.
Con esta actuación melloraranse considerablemente as condicións para a circulación dos vehículos xa que a vía está bastante deteriorada debido principalmente ao paso constante de camións pesados procedentes da rada, polo que presenta moitos baches e desniveis.