Inauguran un obradoiro de emprego en Pontevedra
Por Redacción
Este venres púxose en marcha na cidade do Lérez o obradoiro de emprego "Concello de Pontevedra 2016" que ten como obxectivo a formación en actividades de tempo libre para nenos e animación en espazos comerciais.
Este obradoiro terá unha duración de seis meses. Durante o periodo de formación a Xunta financiará o soldo dos participantes e a súa contribución á Seguridade Social, así como o dos docentes e o dos administrativos que xestionen o proxecto.
O obxectivo deste obradoiro é a contratación de desempregados que ademais de recibir un soldo adquiren unha formación teórico-práctica que lle permite acadar un certificado de profesionalidade co fin de obter unha mellor inserción laboral.
Deste xeito, o obradoiro "Concello de Pontevedra 2016" estará dedicado a dúas especialidades: Implantación e Animación de Espazos Comerciais con 10 alumnos e a Dirección e Coordinación de Actividades de Tempo libre para Infantil e Xuvenil con outros 10. A aportación da administración autonómica é de 180.000 euros.