O congreso da Sociedade Galega de Hipertensión celébrase de novo en Sanxenxo
Por Redacción
"Previr é curar" é o lema do 23 Congreso que a Sociedade Galega de Hipertensión celebra de novo en Sanxenxo e que reúne entre o venres e o sábado a un bo número de profesionais que poñerán en común experiencia e relatorios para conseguir un cambio de hábitos na sociedade, sobre todo a través da dieta e a práctica de exercicio, que permitan unha prevención efectivas de enfermidades.
E é que este congreso é un punto de debate de profesionais sanitarios especializados en problemas cardiovasculares e de hipertensión, que abordarán tamén o manexo de fármacos e a súa achega preventiva.
O conselleiro de Sanidade inaugurará oficialmente este congreso xunto co alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita.
Enrique López Paz e Carlos Alberto Názara, presidente e secretario respectivamente da Sociedade Galega de Hipertensión animaron a todos os veciños da localidade para aproveitar a oportunidade que ofrece a carpa instalada no Paseo de Silgar na que poderán facerse unha revisión gratuíta.
Peso, talla, glicosa, presión arterial e colesterol son algúns dos parámetros que se medirán na carpa desde este venres e durante toda a xornada do sábado e que permitirán aos usuarios dispoñer de información puntual en caso de calquera alteración.