Miguel Lago encara o seu terceiro mandato á fronte do CCUU Zona Monumental
Por Redacción
Miguel Lago Rey será por catro anos máis presidente do Centro Comercial Urbano (CCU) Zona Monumental de Pontevedra. Foi reelixido este xoves na Asemblea Xeral Extraordinaria de Elección como número un dunha candidatura na que o acompañan caras coñecidas e dous vogais novos, Beatriz Baqueiro Vidal (propietaria de Beatriz Baqueiro Fotografa) e Ramón Pedras Lorda (La Cata).
A directiva complétana o vicepresidente Raúl Facciola Moreira (Creperie Cre-Cotte), o secretario Ernesto Filgueira Touriño (Ernesto Filgueira- La casa de los paraguas), a tesoureira Mónica Garrido Carballo (O Bioco) e o vogal José Luis Gama Fernández (Seguros Patria Hispana). Todos eles repiten no cargo.
A nova directiva era a única candidatura que se presentaba, de modo que se elixiu automaticamente por un período de catro anos.
O xa reelixido presidente é marca o reto, nesta nova etapa, de "mellorar o establecido, porque todo é mellorable" e "seguir potenciando" a zona monumental como "punto emplemático de encontro e turístico de Pontevedra", pois, como sinala sempre Miguel Lago, "a zona monumental é a mellor rede social que ten Pontevedra".
Lago, que leva no cargo desde do ano 2008, estivo á fronte da asociación na época de maior incidencia da crise económica, de modo que pasou unha etapa complicada de peche de negocios e de despoboamento do centro histórico. Cando parece que a recesión azouta con menor forza, lembra que antes do boom inmobiliario adquiríronse moitos inmobles na zona monumental e algúns se rehabilitaron e outros quedaron pendentes ao estalar a burbulla, de modo que confía en que agora cheguen uns anos nos que se consoliden as rehabilitacións.
Os seus obxectivos son "que se rehabilite a vida comercial" e que o número de habitantes da zona monumental pontevedresa "volva incrementar".