Tino Fernández, portavoz del PSOE: "Houbo pouca cordura e actitude desleal co candidato. Iso pagouse"
Por Redacción
Tino Fernández, portavoz do grupo municipal do PSOE en Pontevedra, manifestaba nesta xornada post electoral a súa decepción polos resultados obtidos pola súa agrupación política nas eleccións autonómicas nas que perderon catro parlamentarios respecto dos anteriores comicios.
Sinala que se viron incapaces de xerar ilusión e que o electorado decidiu apostar por un goberno do PP, de recortes, de abandono e de débeda pública. Un feito que, segundo afirma, debe facerlles reflexionar sobre a estratexia que os socialistas desenvolven no futuro. "Os resultados aquí en Pontevedra, na provincia e en Galicia son decepcionantes", lamentou o secretario xeral de Pontevedra.
Fernández lamentou as disputas internas no seu partido durante todo este período de campaña electoral. Entende que é un dos aspectos que máis castigan os votantes. Neste sentido, quixo referirse ás discrepancias entre o PSOE de Vigo e o do resto da provincia, pero tamén aos comentarios realizados desde Andalucía e Estremadura. O portavoz socialista asegura que houbo pouca cordura e unha actitude desleal co candidato Leiceaga. Ante esta situación, cre que é difícil que o votante confíe nun partido que non arranxa os seus propios problemas.
De cara ao futuro, Tino Fernández afirma que Xoaquín Fernández Leiceaga é un valor do partido e achega unha enorme capacidade de traballo e que uns malos resultados non poden embazar unha traxectoria fantástica. Xustificou estes resultados en que contou con moi pouco tempo para preparar esta campaña. Por este motivo, non se mostra a favor dunha dimisión do líder dos socialistas galegos: "Debemos reflexionar sobre iso antes de adoptar decisións que nos prexudiquen máis. Os culpables somos todos os militantes socialistas".
En relación a unha solución ante as malas relacións do PSOE de Vigo co equipo de Fernández Leiceaga apuntou que deben reflexionar porque non son uns "marcianos" e lembrou que os socialistas que apoian a Abel Caballero teñen enormes responsabilidades orgánicas nas campañas electorais.
Tino Fernández insistiu en que non se poden tomar decisións por titulares de prensa e engadiu que o día 1 de outubro no Comité Federal convocado terán que sentar as bases do futuro da agrupación e engadiu que existe un comité provincial e unha executiva provincial que deben avaliar o traballo realizado e adoptar decisións.
Relacionadas:
-
Absteranse os socialistas pontevedreses ou manterán o seu non a Rajoy?
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva cualifica de "dramática" a situación do PSOE
Por Redacción |
-
A crise interna do PSOE chega a Pontevedra, divididos entre partidarios de Sánchez e dos críticos
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Santos Héctor evita pedir dimisións polo "fracaso estrepitoso" do PSdeG, pero si esixe responsabilidades
Por Natalia Puga |
-
Moreira, sobre o 25-S en Pontevedra: "El BNG ha recibido otro varapalo, es el tercero que recibe en menos de un año"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Alfonso Rueda celebra un "éxito" que moitos vían "imposible" e o BNG saír "reforzado" do 25-S
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra tínguese de azul: o PPdeG gaña en 60 dos 62 concellos; o PSdeG, na Illa e Fornelos
Por Alejandro Espiño |
-
Núñez Feijóo, imbatible: o PPdeG revalida a maioría absoluta e gobernará Galicia catro anos máis
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada