O Concello de Ponte Caldelas erradica o papel e pon en marcha a Administración electrónica
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas ven de anunciar a súa entrada de cheo na era dixital e o abandono do formato papel na tramitación de todos os procedementos administrativos municipais. A entrada na administración electrónica é unha realidade coa implantación da sinatura dixital para o alcalde, os concelleiros do grupo de goberno e os traballadores públicos.
O prazo legal do 2 de outubro, fixado pola Lei de Procedemento Administrativo 39/2015, chegará deste xeito cos deberes feitos para o Concello caldelán que, o próximo mércores, estrea o Rexistro Electrónico. Adáptase así á principal esixencia dunha lei que vai supor unha auténtica revolución no funcionamento de todas as administracións públicas.
O alcalde, Andrés Díaz, dispón xa da tarxeta de sinatura electrónica, do DNI-e e dunha aplicación no seu terminal móbil, que permitirán a sinatura, con valor oficial, tanto para os trámites internos como para os que teñan que ver con outras administracións. Todo un cambio organizacional que porá fin ás escenas cotiás de sinatura de decenas de comunicacións, resolucións e notificacións que consumen boa parte do tempo dos reponsables públicos.
En palabras do alcalde, o Concello de Ponte Caldelas métese de cheo no século XXI a través de tres frontes complementarios: o político (coa sinatura dixital e todo tipo de notificacións aos concelleiros a través de novos soportes), o funcionarial (coa tramitación dos expedientes) e, o máis importante, o público (a través dun novo xeito de relacionarse cos cidadáns plenamente adaptado aos tempos).
Dende agora, o Concello de Ponte Caldelas abandoa o papel na tramitación dos expedientes, que pasan a ser, exclusivamente, electrónicos. Acabáronse as fotocopias. Únicamente as comunicacións cos cidadáns sen medios suficientes para relacionarse coas novas tecnoloxías continuarán realizándose polo método tradicional.
O Concello de Ponte Caldelas ultima nestes días a aprobación das ordenanzas de creación deste Rexistro, da sede electrónica e de adaptación do Perfil do Contratante. Ao mesmo tempo, utilizará o Centro de Procesamento de Datos da Deputación Provincial para o arquivo dos expedientes que vaia xerando e dos xa pechados que se decida dixitalizar por razóns de utilidade pública, polo que o sempre voluminoso Arquivo Municipal pasará tamén ao mundo dixital.
Este cambio vai supor moitas ventaxas para os cidadáns
O goberno local tripartito apostou forte por este cambio na cultura organizacional na seguridade de que vai supor moitas ventaxas para os cidadáns, que non só poderán presentar telemáticamente todas as solicitudes e documentos administrativos, senón que tamén poderán consultar dende a súa casa o estado dos expedientes nos que teñan a condición de interesado.
Andrés Díaz subliñou que o cambio vai redundar tamén nunha maior coordinación e eficacia no funcionamento administrativo municipal e, de facto, nunha maior axilidade. Os expedientes son, a partir de agora, arquivos electrónicos compartidos, nos que os distintos traballadores deben ir cumplimentando os sucesivos trámites. O control sobre o cumprimento de prazos e integridade do expediente son, por tanto, totais.
O alcalde explicou que o Concello confiou na plataforma de "esPublico Gestiona" tanto para implantar o sistema como para a formación do persoal municipal e todos os resultados, ata o de agora, están a ser moi satisfactorios.