Pactan retomar as clases no CEIP A Lama a partir do luns 19
Por Redacción
Os alumnos do CEIP A Lama poderán volver ás aulas o vindeiro luns 19 de setembro.
Así o pactaron a dirección do centro, a asociación de pais e nais e o delegado territorial da Xunta, César Pérez Ares, tras manter unha reunión na que se explicou a situación actual das obras no centro tras os problemas ocasionados pola choiva.
A actividade durante a fin de semana está a ser frenética para avanzar na renovación da cuberta e na súa adecuación despois dos danos sufridos o pasado luns.
"As obras no CEIP de A Lama estarán listas para o inicio das clases, quedando os remaches das mesmas por facer, aínda que se levarán a cabo en horario non lectivo", confirmou Pérez Ares.
Os alumnos poderán volver ás súas aulas habituais, sen ter que ser redistribuídos, coa "única diferenza será que o alumnado entrará pola zona pola que nos solicitaron os pais e nais, na parte posterior do centro mentres no sexa retirado o andamiaxe na parte principal da fachada".