Gonzalo Pita leva o seu despacho ás parroquias
Por Redacción
As casas de cultura ou usos múltiples de Adina, Bordóns, Dorrón, Nantes, Noalla, Portonovo e Vilalonga irán rotando para converterse un día á semana na sede do goberno local de Sanxenxo.
O alcalde, Gonzalo Pita, decidiu instalar o seu despacho, cada mércores a partir de outubro, nunha das parroquias para atender, sen cita previa, as demandas dos veciños.
Estas visitas servirán tamén para visitar e comprobar cos veciños aquelas deficiencias máis destacables de cada lugar para comezar a traballar na relación de obras que se incluirán no Plan Concellos de 2017, segundo sinalan desde o equipo de goberno.
Esta iniciativa seguirá unha orde alfabética, polo que a primeira parada será a Casa de Cultura de Adina.
Pita estará acompañado por algún dos concelleiros do goberno local, estando sempre o edil representante de cada parroquia e o da área que corresponda cando se trate de analizar algunha actuación para realizar.