![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2ae/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/57d7de9242-archivo-13-9-16-11-42-15.jpeg)
© Concello de Ponte Caldelas
Rematada a primeira fase das obras de mellora da estrada de Barbudo a Chaín
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A estrada que une os lugares de Barbudo e Chaín, en Ponte Caldelas, conta xa co primeiro tramo completamente renovado, unha vez que finalizaron as obras de acondicionamento acometidas dende o Concello.
O alcalde, Andrés Díaz, supervisou as obras e comprobou o resultado dunha actuación que permitiu dotar á pista cun asfalto cun grosor de 5 centímetros e en perfectas condicións, o que vai garantir a durabilidade durante bastantes anos. O compromiso do goberno local tripartito, composto polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, é executar a segunda fase en poucos meses, con cargo ao orzamento do ano próximo.
O Concello dará así cumprimento ao acordo alcanzado cos veciños de Barbudo e Chaín, que viñan padecendo máis de dúas décadas de abandono cunha pista en pésimas condicións, repleta de fochancas e case intransitable.
"Atopámonos cunha herdanza espantosa en materia viaria e hai que ir solucionando isto na medida das nosas posibilidades, pero está claro que só cos orzamentos do Concello e os fondos taxados que nos corresponden do Plan Marco da Deputación, vainos levar algún tempo", explicou Díaz, para engadir que "desgraciadamente, en Ponte Caldelas non contamos cos convenios a dedo e as axudas discrecionais da Xunta de Galicia que só choven nos concellos do club PP".
O goberno local caldelán insiste en que optou por facer a obra cos mellores criterios de calidade, asfaltando ata onde era posible cos cartos dispoñibles, unindo o centro de Barbudo co comezo dos terreos de Chaín, "en lugar de facer unha chapuza e cubrir todo o percorrido".
As obras executadas, cun orzamento de 49.000 euros, foron acometidas gracias aos fondos do Plan Marco, que, á súa vez, está financiado con fondos FEADER da Unión Europea.