O IBI roza os 17 millóns de euros en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Desde o pasado 5 de setembro, os pontevedreses estamos chamados a pagar un dos impostos que máis ingresos xeran ás arcas municipais, o dos bens inmobles (IBI). E este ano, alcanzaranse cifras nunca vistas.
O padrón do IBI, imposto que grava todas as propiedades inmobiliarias, rozará os 17 millóns de euros, ao situarse en 16.974.736,93 euros. Ademais, emitiranse case 70.000 recibos (concretamente 69.335) nesta nova campaña.
O goberno municipal destaca que a inmensa maioría dos pontevedreses pagan o IBI no período voluntario de pago que se establece cada ano e que, nesta ocasión, finalizará o próximo 7 de novembro. A partir desa data, reclamaráselle o pago aos contribuíntes e impoñeráselles unha recarga.
A aqueles que teñan o recibo domiciliado cobraráselle a principios de outubro.
En 2015, o 87,29% dos contribuíntes pagaron o IBI que lles correspondía durante o período voluntario de pago, o que supuxo un ingreso directo ao Concello de máis de 14 millóns de euros.
Ademais, nos últimos anos, o Concello foi realizando de forma progresiva unha revisión no padrón do IBI para detectar posibles fraudes ou inmobles que non estivesen dados de alta. Así, dos 13,3 millóns que se recadaban en 2011 cuns 67.000 recibos pasouse aos 17 millóns de 2016, con case 70.000 recibos.