Reábrese a reformada rúa José Millán co sentido do tráfico invertido
Por Redacción
Rematadas as obras de reforma, renovación de servizos e iluminación da rúa, este venres 2 de setembro reabríuse ao tráfico José Millán mais co tráfico invertido. O sentido de circulación xa é de San Antoniño cara Benito Corbal e manterase asi, a lo menos, mentres duren as obras de rehabilitación integral da rúa Javier Puig que comezarán o próximo luns 5 de setembro.
Co inicio das obras en Javier Puig, paralela a José Millán, pecharase a rúa. O corte será efectivo a partir das 9.30 horas. A Policía Local pon en marcha un operativo de sinalización e reordenación do tráfico co fin de garantir a mobilidade na zona.
A rehabilitación integral da rúa Javier Puig foi adxudicada a a empresa EC Casas por 334.556,23 euros quen engadirá como melloras o adecentamento dos cruzamentos das rúas Benito Corbal-Javier Puig e Javier Puig-San Antoniño.
As obras seguirán os parámetros de calidade do modelo urbano e priorizará os tráficos peonís sobre os rodados. O tratamento previsto na licitación é de bandas segregadas, cunha distinción física de materiais entre o carril do tráfico rodado que levará aglomerado asfáltico e as beirarrúas que se farán en loseta de cemento, confinadas por bandas de pedra e separadas do carril de tráfico por un bordo.
A actuación inclúe xunto co tratamento en superficie unha ampla renovación dos servizos soterrados. Renovaranse a rede de abastecemento de auga, a rede de saneamento e a canalización de cabos do alumeado público. Neste último caso o deterioro da instalación xúntase ao feito de que a posición das novas luminarias non coincidira coa das preexistentes que están ancoradas nas fachadas.