O alcalde de Poio estuda fórmulas para que os Bombeiros de Pontevedra interveñan no seu municipio
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, mativo unha xuntanza coa familia propietaria da vivenda que ardía o pasado sábado na rúa Oliveira, preto da ponte da Barca. Durante a conversación, o rexedor manifestou a súa intención de buscar algunha fórmula para que poidan intervir os bombeiros de Pontevedra que están máis próximos a determinados puntos do Concello de Poio que os do Salnés, que son os que teñen que desprazarse segundo o mapa de emerxencias da Xunta. Neste sentido, apuntou a posibilidade de propoñer un sistema de colaboración co Parque de Bombeiros pontevedrés para paliar estas situacións.
A familia propietaria da vivenda anunciou, pola súa parte, que non acudirán aos tribunais de xustiza para denunciar a ineficacia do sistema establecido para a intervención dos Bombeiros porque "pensamos que non nos conduce a ningures, non temos ningún tipo de interese económico nin político, simplemente queremos denunciar os feitos para que isto non se volva producir e ter que lamentar danos maiores".
Segundo expoñen nun comunicado non entenden "por que os bombeiros de Pontevedra á chamada da Policía Nacional deciden non acudir, creemos que aínda non habendo atrapados, un lume nun segundo piso dun edificio de tres plantas é suficiente xustificación para saír en auxilio, non se trata dun galpón abandonado. Ademais, entendemos que cos medios dos que dispón o parque de Pontevedra, a cidade en ningún momento quedaría desprotexida. Hoxe mesmo acudiron a sufocar un lume nunha vivenda abandonada e ruinosa en Estribela". Rexeitan tamén a decisión do servizo de emerxencias do 112 ao menosprezar o incendio na súa propiedade e apuntan que "se ben é certo que non había persoas atrapadas dentro da vivenda, houbo vidas humanas en perigo xa que os operarios de Protección Civil de Poio, que non dispoñen de medios abondo, intentaron entrar na vivenda e sufocar o lume habendo dúas bombonas de butano no interior co consecuente risco de explosión. Tamén existiu risco de propagación ás vivendas inferiores e ao ático".
E engaden que "cando se presentou o novo plan de emerxencias para Galicia se dixo que o tempo máximo de espera sería de 30 minutos". Non obstante, afirman que, o sábado, os bombeiros do Salnés tardaron máis de 30 minutos en asistir ata a súa vivenda mentres "vimos como se queimaba nosa casa".