Comezan a escavar a fosa na Ferrería na que se instalará un transformador de Fenosa
Por Redacción
As obras de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas das rúas perimetrais da praza da Ferrería adéntranse nestes días nun momento clave da obra: a creación da fosa situada no paseo de Odriozola na que se instalará un gran transformador eléctrico de Fenosa.
Xa comezaron uns traballos que están a resultar moi chamativos para os usuarios da Ferrería, porque unha pala está a abrir unha zanxa de grandes dimensións que servirá para acoller este transformador soterrado. Se os traballos continúan ao ritmo actual, o transformador instalarase a vindeira semana.
Cabe lembrar que o proxecto de accesibilidade nas perimetrais da Ferrería está financiado polo Concello, ademais de polo Imserso e a Once, e achégase aos 170.000 euros. Ademais o proxecto contempla a renovación dos servizos, entre eles, gas, electricidade, telecomunicacións ou auga.
Os traballos principais consisten na colocación do pavimento a nivel da praza da Ferrería, eliminando as barreiras arquitectónicas no Paseo Odriozola ata o seu entronque coas rúas Laranxo e Pasantería e que se prolongará até a rúa San Román. Este último tramo xa está rematado, e os operarios traballan na actualidade no Paseo Odriozola no ámbito das rúas Laranxo e Pasantería.
As pretensións municipais ao respecto da Ferrería eran máis ambiciosas. O proxecto inicial supoñía a reposición de todo o enlousado da praza, pero a axuda dos organismos estatais quedou en 70.000 euros polo que o Concello acordou rebaixar a actuación e limitala á eliminación das barreiras da praza.