A botrite e as podredumbres na viña son os maiores riscos a poucas semanas da vendima
Por Redacción
O aviso fitosanitario semanal que fai público a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA) pon o foco en extremar a vixilancia para evitar a botrite e outras podredumbres da viña, xa que a estas alturas da tempada son os principais riscos que poden afectar á colleita. O perigo, segundo indican os técnicos da EFA, radica nos danos que poidan apreciarse nos acios e que poden facilitar a entrada e propagación do fungo.
No caso de que nos vindeiros días se presenten condicións favorables para o desenvolvemento da enfermidade, isto é, a combinación de calor e humidade, será preciso aplicar os tratamentos permitidos nesta altura naquelas parcelas que presenten síntomas.
Neste punto, indican que no rexistro de produtos fitosanitarios se relacionan funxicidas con prazos de seguridade máis curtos. No caso de adegas que xa non permitan máis tratamentos, recomendan consultar aos técnicos ante casos puntuais.
Sobre as podredumbres tamén lembran que, a partires deste momento, o incremento de azucres na uva aumenta a probabilidade de que se introduzan nos acios que presenten algún dano ou ferida. Lembran, ademais, que hai que extremar a vixilancia nas variedades de uva máis sensibles -as variedades de pel fina e acio compacto como Treixadura, Godello ou Loureira-.
Indican, que na revisión semanal da rede de parcelas de Areeiro apreciaron febles trazas de podredumbre gris en grans moi illados de acios de Loureira ou Treixadura, que precisamente sufriran cortes na pel da uva a raíz das precipitacións da semana pasada.
No resto de enfermidades e pragas, desde Areeiro non observan ningunha incidencia relevante. O desta semana será o último aviso sistematizado semanalmente que se emitirá desde a EFA. A partires de agora publicaranse informacións fitosanitarias puntuais e consellos prácticos de interese para axudar a mellorar o estado sanitario dos cultivos.