Cortes de tráfico a partir deste venres con motivo do Cidade de Pontevedra de Tríatlon
Por Redacción
A proba deportiva Premio Cidade de Pontevedra de Tríatlon disputarase durante esta fin de semana en Pontevedra e a Policía Local puxo en marcha un operativo especial de tráfico. Colocaranse 300 valos por todo o percorrido desta proba coa sinalización de prohibición de aparcadoiros.
Este venres 26 de agosto cortarase o tráfico na avenida de Bos Aires, no tramo entre a ponte dos Tirantes e a ponte das Palabras a partir das 15.00 horas do venres ata as 01.00 horas do domingo 28.
A partir das 15.00 horas do sábado 27 non se poderá circular por ese tramo da avenida de Bos Aires; Alexandre Bóveda; Rafael Areses; Avenida Compostela en sentido de saída á cidade; Celso Emilio Ferrerio e Campus Universitario.
A previsión de finalización das probas e apertura ao tráfico nestas rúas será ás 21.00 horas do sábado.
Xa desde as 22.00 horas deste xoves 25 de agosto prohibirase o estacionamento na avenida de Bos Aires, entre as pontes dos Tirantes e a das Palabras.
A Policía Local de Pontevedra terá en funcionamento un servizo de información personalizada para aqueles cidadáns que queiran realizar algunha consulta sobre a mobilidade durante os días 26 e 27 de agosto. As consultas pódense realizar a través do teléfono 986 83 30 80 ou do correo electrónico cetra@pontevedra.eu
CORTE EN VIRXE DO CAMIÑO
Está previsto que durante este venres 26 tamén se leve a cabo un corte de tráfico na rúa Virxe do Camiño, que permanecerá cortada a partir das 08.00 con motivo da descarga de material para acometer obras nun edificio. A Policía Local agarda que estes traballos duren arredor de tres horas, de maneira que sobre as 12.00 horas a rúa xa se atoparía aberta á circulación.