Noite de lóstregos e tronos espectaculares sobre as Rías Baixas
Por Redacción
O ceo resplandeceu e coruscou durante a noite entre o mércores 24 e o xoves 25 nas Rías Baixas. Unha gran tormenta eléctrica que atravesou o sur de Galicia deixou imaxes espectaculares sobre a contorna de Pontevedra. Os primeiros lóstregos rexistráronse ao longo do tarde pero foi a partir das 23.00 horas cando se sucederon varias descargas eléctricas acompañadas do son dos tronos. A tormenta provocou algúns cortes de luz no centro de Pontevedra.
A inestabilidade do tempo permanecerá durante este xoves e durante a fin de semana, segundo o servizo de Meteogalicia. O ceo alternará as nubes con claros e a presenza de chuvascos illados e intermitentes. As temperaturas manteranse ao redor de 30 graos.
Este venres, a situación meteorolóxica manterase sen cambios. O vento soprará de dirección variable e o ceo manterase con alternancias.
O sábado, as Rías Baixas quedarán nunha zona intermedia entre as altas presións no Atlántico e unha borrasca situada ao oeste das Illas Británicas. O ceo atoparase máis nubrado polo oeste e máis despexado cara ao leste. Descenderán as temperaturas máximas ata situarse sobre os 23 graos. Esta situación repetirase durante o domingo, aínda que con escaso risco de precipitacións.
Durante o inicio da próxima semana, as altas presións irán entrando en Galicia e, a medida que avancen os días, desaparecerán as nubes e aumentarán as temperaturas ata chegar aos 30 graos.