Marín busca unha empresa para mellorar o camiño entre Arealonga e Pituco
Por Oskar Viéitez
Unha vez aprobado o proxecto e concedida a axuda de 60.042,62 euros do Plan Marco da Consellería do Medio Rural, a Xunta de Goberno do Concello de Marín aprobou o proxecto de acondicionamento para a pavimentación e mellora do camiño rural entre Arealonga e Pituco, na parroquia de San Xulián.
Esta obra conta con todas as autorizacións sectoriais e o goberno local xa solicitou ofertas a varias empresas para proceder á súa contratación canto antes.
Trátase dunha actuación de mantemento do viario e inclúe a reposición dos servizos afectados. A Xunta de Galicia financiará esta obra con fondos europeos.
O camiño une o núcleo de Arealonga con parcelas do monte comunal e presenta deficiencias na pavimentación así como a carencia dun sistema de recollida e encanamento de escorrentías.