Mourente fai memoria e renderá homenaxe a Isolina Villaverde e Aurelio Torres, vítimas do Franquismo
Por Natalia Puga
Aurelio Torres Lorenzo, O Pacheco, tiña 35 anos cando se produciu o alzamento de 1936 e o seu activismo sindicalista e como membro da CNT lle custou a vida. O 23 de agosto apareceu morto e mutilado na curva de Bora a Mourente. Ese día acabou a súa vida e comezou unha nova historia de represión, a da súa muller, Isolina Villaverde Cendón, que quedou con tres fillos de 7, 6 e 3 anos e coa vida truncada e abocada a un traballo de sol a sol para sacar adiante a súa familia.
Ambos os dous son vítimas do Franquismo e ata o de agora a única homenaxe que recibiran fora a que lle fai a súa familia recordándoos. Este martes, 80 anos despois daquel asasinato, os dous serán homenaxeados no cemiterio de Mourente. Ás 20.30 horas a súa familia, as súas netas María e Pilar Lores, o historiador Xosé Álvarez Castro e a xornalista e escritora Montse Fajardo lembrarán a súa historia e, de paso, a de miles de vítimas anónimas ás que non se lles dan nomes de rúas ou prazas, pero que sufriron tanta ou máis represión.
O concelleiro de Patrimomio Cultural, Luis Bará, ve nesta homenaxe un merecido recoñecemento e un xeito de facer memoria e tamén de facer un "combate polos dereitos humanso, o dereito á verdade, o dereito á xustiza, o dereito á reparación e o dereito ás garantías de non repetición". Aurelio será homenaxeado como símbolo de todos os obreiros que defendían os seus dereitos e Isolina como símbolo da "mulleres resistentes e loitadoras", de todas as mulleres anónimas obrigadas a sacar adiante a súa familia soas.
As netas de Isolina e Aurelio, María e Pilar Lores, recoñecen que este martes para elas será "un día moi difícil", pero que levan agardando moito tempo, sen saber como render homenaxe aos seus avós. Por iso agradecen o traballo realizado pola xornalista Montse Fajardo, que realizou unha biografía sobre Isolina Martínez dentro do programa municipal A memoria das mulleres.
Os feitos que se lembrarán no cemiterio de Mourente "doen moito" na súa familia. Trátase dunha "historia de silencio porque destes temas non se falaba nunca", pero "o silencio non é sinónimo de desmemoria" e para todos os familiares de Isolina e Aurelio "é moi importante recordar". A homenaxe será tamén un acto de memoria combativa.
Relacionadas:
-
Ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista no mes da memoria histórica
Por Mónica Patxot |
-
A mostra "Do gris ao violeta" percorrerá os institutos da cidade
Por Redacción |
-
Un novo parque de 3.000 metros recuperará a memoria de Amalia Álvarez
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra homenaxeará durante todo 2016 ás vítimas 'silenciadas' da represión franquista
Por Alejandro Espiño |
-
Unha exposición porá en primeiro plano a historia das mulleres de Pontevedra
Por Natalia Puga |