Chegan cambios no tempo a partires do martes
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Chegan cambios no tempo a partires do martes.
Segundo avance a semana Galicia quedará nunha zona de transición entre o anticiclón do Mediterráneo e a borrasca que permanece ao oeste de Irlanda. Isto deixará unha configuración de días con temperaturas máis suaves e aumento da nubosidade, con alta probabilidade de chuvias nos primeiros días.
Na xornada do 23 de agosto, a influencia anticiclónica con aire cálido activará a formación de nubes de carácter tormentoso, mentres que na franxa costeira entrarán nubes baixas polo achegamento dunha fronte pouco activa.
Con esta situación, durante a mañá o ceo estará despexado, unicamente con intervalos de nubes baixas no litoral noroeste. Pola tarde, alternarán as nubes cos claros, con chuvascos tormentosos máis probables nas zonas altas de Lugo e Ourense.
As temperaturas non experimentarán cambios significativos en xeral, con lixeiros descensos das máximas no terzo norte. O vento soprará frouxo de dirección variable, collendo compoñente norte, frouxo, á tarde.
O mércores a situación meteorolóxica virá marcada polo aire cálido que persiste sobre Galicia e que aportará moita inestabilidade. Así, os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos tormentosos a partir do mediodía. Na franxa costeira non se agardan chuvascos, e os ceos presentarán intervalos de nubes baixas. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios significativos, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso. O vento soprará frouxo de compoñente norte.