Observa pola 'mirilla' como intentan roubar na súa casa, persegue os ladróns e 'pilla' un deles
Por Natalia Puga
Un veciño de Monte Porreiro logrou evitar un roubo na súa casa e, ademais, reter un dos sospeitosos ata a chegada da Policía Local. Ocorreu o xoves 11 de agosto sobre as 18.00 horas cando el e máis a súa nai estaban na casa e sorprenderon, a través da 'mirilla' da porta, a dous varóns que estaban manipulando a fechadura da porta para intentar entrar.
Cando os supostos ladróns descubriron que nai e fillo os acababan de pillar coas mans na masa fuxiron do lugar, pero o dono da casa foi tras eles mentres a nai chamaba á Policía Local. Os tres foron en direccíon á rúa Bélxica e a persecución non foi sinxela, pero finalmente logrou darlle alcance a un dos sospeitosos, pois movíase con muletas.
Cando lle deu alcance, na confluencia coa rúa Reino Unido, o suposto ladrón golpeouno na cara cunha das muletas, provocándolle un forte hematoma. Estaba con el amarrado cando chegou a Policía Local, pois os axentes acudiron á chamada da súa nai e ela contoulles en que dirección marcharan.
O morador da vivenda explicou aos axentes que o home ao que conseguira reter estaba manipulando a fechadura da vivenda cun taladro e o outro, que se lle escapou, transportaba unha caixa de ferramenta.
Ante os feitos, os axentes da Policía Local de Pontevedra procederon á detención deste home, de 54 anos de idade, e ao seu traslado a dependencias policías. Posteriormente, presentáronse no lugar familiares do detido e manifestaron aos axentes que non tiña nada que ver coa tentativa de roubo, senón que o autor dos feitos fora o outro home, segundo informou a Policía Local.