Ponte Caldelas acollerá a primeira concentración de Coches Clásicos Sendeiro Azul
Por Redacción
Os Amigos dos Vehículos Antigos (AVA) en colaboración co Concello de Ponte Caldelas poñerán en marcha o 18 de setembro un museo rodante de automoción. Esta localidade acollerá a primeira concentración de Coches Clásicos Sendeiro Azul.
Este evento foi presentado este venres 12 en Ponte Caldelas coa presenza do presidente de AVA, Cristóbal Rivas, que asistiu á cita cun dos vehículos que vai participar nunha concentración e explicou ao representante municipal todos os detalles dos vehículos.
Os actos comezarán cunha concentración na Alameda a partir das 10.00 horas, onde poderán ser observados moi preto por todos os afeccionados. A partir das 12.30 horas sairán cara a Anceu para participar das festas en honra da Virxe das Dores.
Os vehículos regresarán ata a Alameda onde se poderán ver ata as 20.00 horas e os condutores poderán percorrer o Sendeiro Azul, a ruta circular pola beira do río Verdugo, que enlaza a praia da Calzada, o Balneario e outras onas como os pasos das Fragas.
Espérase a presenza de entre 50 e 100 vehículos, entre os que predominarán os clásicos dos anos 60 e 70, con presenza de coches da industria americana cun Lincoln Continental, un Buick e dous autobuses da empresa Cuíña.